Goretti Sanmartín Rei

Goretti Sanmartín

Vin estudar a Santiago con 18 anos e decidín ficar para sempre nun concello que me engaiolou pola súa xente, a súa simbiose entre o urbano e o rural e a súa vida cultural e universitaria. Entre as moitas aprendizaxes vitais, foi nesta cidade onde entrei en contacto co feminismo organizado a través dos Grupos de mulleres da Universidade e despois formei parte moi activa na formación e consolidación da Marcha Mundial das Mulleres. Tamén nestes primeiros anos decidín formar parte do BNG, organización onde traballei no ámbito local e da que nestes momentos son coordinadora da súa Executiva nacional. Formei parte da directiva da histórica Agrupación Cultural O Galo.

Son profesora universitaria e realicei a miña tese de doutoramento sobre os usos lingüísticos a comezos do século XX. Para alén desta dedicación impartín docencia, entre outros moitos centros, no Instituto de Idiomas da Universidade e no Instituto Eduardo Pondal.

Vivín en moi diferentes lugares do concello, desde o Ensanche até o rural, pasando pola zona vella e os barrios do Sar ou das Fontiñas. Amo moitos recunchos, de maneira moi especial a Rúa Nova en que vivín varios anos nunha casa en que podía ver desde os tellados a Catedral e acariñar a Igrexa de Salomé e os paseos tanto á beira do Sar como do Sarela, lugares onde se pode ver con frecuencia en longas camiñadas. A esta afección hai que acrecentar o meu gusto pola lectura e pola música, sobre todo polos concertos en directo, un dos grandes praceres.

Desde 2015 son concelleira do BNG no Concello de Santiago de Compostela e vicepresidenta da Deputación da Coruña, onde levo as áreas de Cooperación cos concellos, Cultura e Lingua, unha institución desde a que está a contribuír decididamente a asentar un modelo de cooperación baseado tanto na aposta pola autonomía municipal como na obxectividade e a transparencia como eixo das políticas de apoio a concellos e entidades, tendo presente a necesidade de axudar ao tecido social e cultural. Impulso tamén, desde as institucións de que formo parte, numerosas iniciativas sobre a recuperación da memoria histórica.