Programa

Un Santiago activo e feminista

Para vertebrar o concello, priorizaremos accesibilidade e mobilidade, con zonas de aparcadoiro público, humanización de rúas e mellora de transporte colectivo. Queremos situar as persoas primeiro, unha cidade histórica habitada e máis actividades nos barrios. Faremos unha cidade con ollos, espazos con xente, limpeza, iluminación e seguranza para as mulleres. Temos un plan de aproveitamento das infraestruturas da Universidade para a veciñanza de Compostela.

Para a creación de emprego

Apoiaremos o comercio de proximidade. Planificaremos un viveiro de empresas na zona histórica para diversificar actividades comerciais. Incentivaremos un turismo de calidade e desestacionalizado: deportivo, de raíces, de congresos, idiomático, interno…

Con interese social

Defendemos máis e mellores servizos públicos. Apoiaremos persoas e colectivos con necesidades. Pularemos por prazas de ensino infantil, centros de día e residencias para persoas con diversidade familiar. Afrontaremos o problema da pobreza, que ten, fundamentalmente, rostro de muller.

Melloras ambientais

Impulsaremos unha planta de compostaxe e a nova depuradora. Aplicaremos un plan plurianual por un rural vivo e produtivo. Conectaremos as ribeiras fluviais do Sar e Sarela para convertelas en corredores verdes que, xunto con outros, servirán para dotar Compostela de sendas para peóns e ciclistas. Enerxía e dinamismo para vivir nunha cidade saudábel.

Capital cultural da Galiza

Santiago debe recuperar peso político, participación veciñal e cultural. Desenvolveremos iniciativas de memoria histórica e coordinaremos os espazos culturais. Potenciaremos a nosa lingua e converteremos Santiago nun referente en promoción do Patrimonio. Será punto de encontro da amizade.

Podes descargar o Programa completo (PDF, 476 KB) e consultar a noticia da presentación co resumo dos eixos temáticos.